Galicia foi pioneira en activar a sede xudicial electrónica e agora prácticamente a totalidade dos procedementos xudiciais son presentados e firmados de forma dixital

Xustiza dixital

A tecnoloxía chegou a todos os ámbitos das nosas vidas e da sociedade para quedarse, e o campo da Xustiza non é unha excepción. Especialmente nos últimos anos, o ámbito legal está desenvolvendo un proceso de innovación co fin de sacar o maior partido posible ás novas tecnoloxías para prestar a mellor e máis axil atención aos cidadáns e adoptar novos modelos nos procedementos xudiciais e administrativos que poden supoñer un cambio en como a sociedade percibe ás Administracións Públicas.

Galicia abordou nos úlitmos anos unha dixitalización sen precedentes, impulsada pola implantación do teletraballo, que levou á dixitalización das salas de vistas de todo o territorio mediante sistemas de videoconferencias, a sinatura electrónica da maior parte dos documentos xudiciais grazas á aplicación Minerva e a normalización do uso da Sede electrónica xudicial. Ademais, estase a traballar na implantación plena do expediente xudicial en todas as sedes.

Con isto, Galicia é pioneira en activar a sede xudicial, xa que é a primeira Comunidade Autónoma de España en facelo.

Modernización da administración de xustiza

Os esforzos de dixitalización no ámbito da xustiza estiveron centrados sobre todo na implantación dunha contorna virtual para o desenvolvemento dos actos xudiciais, mediante a implantación da sinatura electrónica na totalidade dos órganos xudiciais de Galicia ou a inclusión de novas tecnoloxías nas salas de vistas. O obxectivo é que todos os procesos podan desenvolverse coa maior efectividade posible a través do sistema de videoconferencias.

Ademais, outras actuacións destacadas neste ámbito, todas elas ao abeiro do II Plan tecnolóxico da Administración de xustiza en Galicia Senda2020, son a elaboración dunha guía para a celebración de xuízos ou vistas por medios telemáticos, a posta en marcha de diferentes canles para a solicitude de citas previas para o acceso ás sedes xudiciais ou a posta en marcha de actividades no modelo online para os procesos de implantación e capacitación nos órganos xudiciais.

Indicadores

Xustiza.gal

Portal de Xustiza no que se amosa información para o cidadán e os profesionais, e facilita recursos, ferramentas e ligazóns de interese.

Neste portal os galegos e galegas teñen acceso á Sede Xudicial Electrónica e ao portal Xustiza Gratuita e ademais poden consultar información relativa ás oposicións para o corpo xudicial e pedir citas previas con organismos xudiciais galegos.

Por último, teñen á súa disposición información e acceso a trámites relativos ao Rexistro Civil, presentación de demandas ou ao Rexistro de parellas de feito, entre outros.

Portal web