TURISMO INTELIXENTE

Do turismo tradicional ao turismo intelixente: o novo modelo de Galicia

O sector turístico viuse obrigado a modernizarse e a adaptarse aos novos hábitos de consumo e da forma na que os turistas se relacionan co destino debido, entre outras razóns, aos cambios tecnolóxicos acontecidos nos últimos anos.

A procura de información nas redes antes de realizar as viaxes, as reservas vía páxina web, as reservas de última hora, o emprego dos dispositivos electrónicos nas diferentes fases da viaxe ou a procura da opinión doutros viaxeiros son algunhas das tendencias actuais que aceleraron o proceso de dixitalización do sector e a posta en marcha de novas ferramentas tecnolóxicas.

Desta forma, as distintas aplicacións lanzadas relacionadas co Camiño de Santiago dixital e a implantación dun modelo “Smart Turismo” supoñen a base e o inicio de futuras aplicacións tecnolóxicas e virtuais neste ámbito para seguir mellorando a experiencia dos visitantes en Galicia.

Smart turismo: a forma de adaptarse á realidade actual dos turistas

Dende o lanzamento do Plan de desenvolvemento das TIC no eido do Turismo (Smart Turismo) no ano 2014, a dixitalización e a posta en marcha de novas aplicación tecnolóxicas neste ámbito incrementouse considerablemente coa fin de adaptarse á nova realidade.

O obxectivo principal deste documento era contribuír á modernización e competitividade do sector a través dunha plataforma tecnolóxica que axudara a modernizar as infraestruturas, a promocionar e comercializar o produto turístico e a facilitar a análise e toma de decisións por parte dos xestores.

O futuro do turismo en Galicia segundo o concepto de Smart Turismo pasaba por cumprir as seguintes metas:

Para isto, puxéronse en marcha numerosas iniciativas, como o lanzamento da Rede de información das Oficinas de Turismo, varios servizos web avanzados de interacción a través do portal de turismo, implantación dun servizo de participación e fidelización do viaxeiro, o lanzamento dunha extranet sectorial e profesional ou a posta en marcha de aplicacións móbiles e servizos de navegación por mapa (realidade aumentada) do Camiño de Santiago, entre outras.

O Camiño Dixital: a nova forma de facer o Camiño de Santiago grazas ás novas tecnoloxías

Como se contemplaba no documento inicial da implantación de Smart Turismo en Galicia, un dos seus eixos principais era facer do Camiño de Santiago un camiño intelixente e dixitalizado baixo o lema “SmartCamiño: Facendo intelixente o Camiño”.

O obxectivo principal era ofrecer a mellor asistencia e facilitar a experiencia do viaxeiro (peregrino ou turista) mediante a explotación dos servizos tecnolóxicos máis avanzados a respecto do Camiño de Santiago.

Algunhas das accións levadas a cabo para alcanzar estas metas, que seguen vixentes e tiveron unha gran acollida, foron a posta en marcha da app oficial do camiño de Santiago, onde se recolle toda a información necesaria para os peregrinos; posta en marcha dun Sistema de información xeográfica e analítica, orientado a ofrecer servizos nun contorno de visualización avanzada do territorio que permita xestionar datos ligados a diferentes aspectos e vertentes do ámbito do turismo; lanzamento de aplicacións baseadas no uso de códigos QR para descargar información de interese; instalación de puntos wifi durante todo o percorrido ou actualización de redes sociais, entre outras.

Con todos estes avances, o que se pretende é instalar un novo modelo turístico en Galicia, conectado co territorio e os visitantes e que á súa vez mellore a experiencia dos turistas no destino.