SEGURIDADE DIXITAL

Ciber.gal, a aposta galega para impulsar a ciberseguridade

Nos últimos anos, e especialmente dende o estalido da pandemia coa implantación acelerada do teletraballo e o uso intensivo das canles en liña, a ciberseguridade  deixou de ser un termo descoñecido pola maioría para converterse nun motivo de preocupación, especialmente para a cidadanía e empresas, pero tamén para as Administracións públicas. O nodo de ciberseguridade de Galicia CIBER.gal suma a colaboración da entidades públicas e privadas para prover á poboación das mellores armas contra o cibercrime: a formación e a concienciación.

O aumento da importancia de protexerse ante ameazas cibernéticas reflíctese nos últimos datos publicados ao respecto: o 44 % das empresas en España prevén incrementar o seu investimento en infraestruturas e programas de ciberseguridade (máis dun 20 %) e as procuras realizadas pola cidadanía ao respecto aumentaron tamén un 40 %.

O Incibe sinala que Galicia rexistra un 4,3 % dos incidentes de ciberseguridade identificados no ámbito nacional, o que a sitúa no sexto posto da clasificación estatal. O incremento sostido do cibercrime fai máis preciso que nunca poder contar con contornas dixitais seguras, tanto para a actividade empresarial como para a vida diaria das persoas, na que a tecnoloxía xa se converteu nuha parte fundamental.

Neste contexto, no que ademais a ciberseguridade está entre as tecnoloxías clave para afrontar os retos dixitais da nova década, o Goberno galego puxo en marcha no 2020 CIBER.gal, o Nodo de Ciberseguridade de Galicia, un instrumento de cooperación entre Fegamp, Xunta, as catro deputacións, Incibe e CNN para impulsar a concienciación e a formación de cidadanía e empresas, dar resposta a retos complexos e promover a xeración de talento neste ámbito.

Segundo o  Informe de situación da ciberseguridade en Galicia, o 80 % dos axentes entrevistados considera que o Nodo contribuirá ao crecemento do sector da ciberseguridade na comunidade, incrementará a  concienciación en empresas e poboación,  facilitará  a xeración dunha rede de colaboración e  aumentará o investimento na I+D+i en ciberseguridade. 

A implicación das tres Administracións con competencia na materia en CIBER.gal busca un intercambio fluído de información e recursos, e promove tamén a colaboración público-privada para crear unha carteira de servizos que dote a Galicia de autonomía nun sector estratéxico. Así conseguirase que a ciberseguridade se converta nun motor de I+D+i, co que se lograráun bo posicionamento do sector. Entre os obxectivos marcados pola Xunta co nodo CIBER. gal está situalo a nivel nacional e europeo a medio prazo e xerar este talento especializado que permita desenvolver unha industria propia.

A actividade do nodo CIBER.gal é a de focalizarse na formación e a concienciación á cidadanía, ás empresas, en especial ás pemes, e ás Administracións Públicas. 

Para a cidadanía, os servizos centraranse en accións de formación a estudantes e eventos participativos para os diferentes niveis educativos (secundaria, bacharelato, formación profesional e universidade). Ademais, desenvolveranse accións de capacitación básica no uso seguro das tecnoloxías para persoas maiores.

Para as pemes e autónomos, a concienciación e a difusión tamén serán eixes prioritarios dos servizos de CIBER.gal en colaboración con outros axentes do Nodo.

Para os concellos e as deputacións, está previsto o deseño de actividades de capacitación e concienciación para axentes clave destas entidades e formación técnica avanzada para os seus profesionais dos servizos tecnolóxicos.

 

Servizos destinados a todas/os: cidadanía, Administracións públicas e pemes

A necesidade dunha maior concienciación e formación con respecto á ciberseguridade abarca a toda a sociedade; o seu impulso é necesario en todos os ámbitos para conseguir una rede protexida contra ameazas externas.

Por iso, a actividade principal do nodo CIBER.gal está focalizada na formación e concienciación á cidadanía, ás empresas, en especial ás pemes, e ás Administracións Públicas.

Ciberseguridade, unha das tecnoloxías clave da Estratexia Dixital de Galicia 2030

A ciberseguridade é unha das tecnoloxías clave dentro da Estratexia Dixital de Galicia 2030. Así, a creación do Nodo de Ciberseguridade de Galicia enmárcase tamén nas directrices europeas para incrementar as competencias da UE nesta materia.

O esforzo por reforzar a ciberseguridade na Administración autonómica vén de vello. O Plan director de seguridade 2015-2021 permitiu xa incrementar a súa capacidade de prevención, detección, resposta e recuperación ante problemas e incidentes de ciberseguridade grazas a diversas medidas como a posta en marcha do Centro de Servizos de Ciberseguridade (CSIRT. gal) e a súa plataforma asociada (CSIRT.es), integrada por 42 centros, entre os que está o Centro Criptológico Nacional, o Incibe, a Policía Nacional, a Garda Civil e outros organismos.