TRANSFORMACIÓN DIXITAL

EGD2030, o marco común para consolidar a transición dixital de Galicia

Europa apuntala no potencial da dixitalización boa parte da recuperación da economía tras o impacto da pandemia e avoga por solucións dixitais innovadoras que contribúan á creación de emprego, ao progreso da educación, ao incremento da competitividade e a innovación, e a mellora da calidade de vida da cidadanía. Baixo estas premisas e sobre a base da dixitalización acadada na década anterior, a Estratexia Galicia Dixital 2030 prevé mobilizar máis de 4 000 millóns de euros no desenvolvemento de iniciativas que aproveiten todo o potencial das tecnoloxías dixitais para dar resposta ás necesidades sociais, económicas e ambientais no marco dun desenvolvemento sustentable.

A EGD2030 é unha estratexia transversal deseñada polo Goberno galego para Galicia coa vocación de ser un marco dixital común que facilite a actuación das tres administracións nun mesmo territorio de maneira complementaria, buscando as sinerxías e a suma de esforzos para consolidar a transición dixital da Comunidade. Para a súa elaboración abriuse un amplo proceso de participación con consultas internas dentro das distintas entidades que forman a Administración autonómica, achegas doutras entidades públicas, do hipersector das TIC, de axentes económicos e sociais e representantes e da sociedade civil.

Entre os obxectivos desta folla de ruta que guiará a consolidación da transición dixital da Comunidade están: situar a Galicia como unha rexión dixital de referencia en Europa; implantar un marco dixital común para todas as administracións públicas galegas; desenvolver un novo marco xurídico que regule a nova realidade dixital, e buscar un ecosistema atractivo para facilitar o investimento privado.

A EGD 2030 prevé mobilizar 4 000 millóns de euros, dos que 2 450 millóns de euros serán públicos, entre fondos propios da Xunta e os procedentes da Unión Europea (Next Generation EU e o Marco Financeiro Plurianual 2021 – 2027), aos que se prevé sumar ao redor de 1 600 millóns de euros da iniciativa privada.

Este investimento superará en 1 300 millóns de euros ao que se mobilizou na última década no marco das dúas Axendas Dixitais de Galicia e estímase que cada euro público investido achegará 1,42 euros de retorno ao PIB da Comunidade o que podería xerar un impacto na economía de case 3 500 millóns de euros.

7 eixos estratéxicos e 1 transversal

A nova estratexia, aliñada coas prioridades do novo marco europeo, estrutúrase en torno a 7 eixos estratéxicos e un transversal, que determinan as áreas de actuación e 20 programas para acadar os obxectivos marcados en cada eixo.

O primeiro destes eixos céntrase no ‘Goberno e Administración Intelixente’ para impulsar a automatización e transformación dixital dos servizos públicos e evolucionar cara un modelo intelixente de posto de traballo do empregado público, así como o expediente xudicial electrónico. O obxectivo é que en 2025 o 70 % das persoas e o 85 % das empresas usen a canle dixital.

Tamén se aspira a acadar unha ‘Sociedade dixital inclusiva’ na que toda a poboación estea capacitada no uso das novas tecnoloxías co obxectivo de que no horizonte do 2025 o 70 % das persoas teñan competencias dixitais básicas e que, de elas, polo menos o 50 % sexan mulleres.

En materia de ‘Entorno dixital para saúde e benestar’ aspírase a empregar a tecnoloxía para acadar unha sanidade máis preditiva e personalizada e un paradigma sociosanitario para mellorar a calidade asistencial.

No eixo do ‘Territorio intelixente, verde e resiliente’ activaranse 4 programas para un territorio máis sostible, máis verde, máis conectado e cun uso más eficaz dos recursos.

A maiores, afondarase na ‘Conectividade dixital’ para asegurar o acceso a Internet de alta velocidade sen distincións e impulsar a conectividade á tecnoloxía 5G coa meta de acadar o 100 % de cobertura con redes de 100 Mbps en 2025.

No marco do eixo ‘Cultura e turismo intelixente’ a Estratexia busca mellorar a conservación do patrimonio cultural dando máis pulo á Memoria Dixital de Galicia e consolidar o turismo intelixente na Comunidade a través de solucións dixitais innovadoras que faciliten a interacción co visitante e incrementen a calidade da súa experiencia.

Así mesmo, o eixo ‘Economía dixital’ busca contribuír a un cambio no modelo produtivo e fomentará a transformación dixital do servizo público de emprego, a transformación dixital das pemes e transición cara a industria 4.0. O obxectivo no medio prazo é aumentar ata un 50 % a porcentaxe de empresas que venden por internet e ata un 15 % no caso das microempresas no 2025.

Finalmente, o eixo transversal pasa por impulsar a promoción de talento dixital e fortalecer o sector TIC, potenciando iniciativas emprendedoras nos campos de información e a comunicación e desenvolvendo máis capacidades en ámbitos como a intelixencia artificial, a ciberseguridade e o fomento da tecnoloxía 5G. Os obxectivos para o vindeiro lustro son que unha cuarta parte das empresas galegas e a metade das distintas administracións recorran a solucións dixitais baseadas nestas tecnoloxías.

O marco legal que acompañará todo este proceso é outra das tarefas que contempla a Estratexia e que se plasmará na futura Lei de desenvolvemento de Galicia Rexión Intelixente. A súa finalidade é facilitar a incorporación de tecnoloxías dixitais de alto impacto, tanto no sector público como nos diferentes ámbitos económicos. Dispoñer dun código ético que acompañe á prevista transformación dixital é outra das iniciativas en marcha, xa que é necesario dispoñer dun marco de referencia que estableza as directrices e recomendacións para un desenvolvemento seguro, responsable e que garanta que ninguén quede atrás.