- Ir á páxina de inicio
- A transición dixital en Galicia
-
Educación e capacitación dixital
Estratexia Galicia dixital 2030 A Sociedade da Información Sector TIC Administración electrónica Galicia territorio conectado Ciberseguridade Sanidade dixital Benestar social Educación e capacitación dixital A dixitalización medioambiental Turismo intelixente Mobilidade dixital e sostible Lonxas dixitais Cultura e riqueza patrimonial A dixitalización da xustiza
Competencias dixitais da cidadanía e educación como eixos para o desenvolvemento dunha sociedade tecnolóxica
As competencias dixitais son determinantes hoxe en día para manter a empregabilidade e dotar ao ensino de ferramentas tecnolóxicas que capaciten ao alumnado para facer fronte ás necesidades do mercado.
Por iso, é de especial importancia o marco galego de competencias dixitais, que xa foi aprobado polo Consello da Xunta e que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022. O marco inclúe a nova certificación galega de competencias dixitais, así como os criterios para a capacitación dixital da cidadanía, no sector público e na educación.
A pandemia acelerou o proceso de dixitalización na educación, incentivou o consumo da formación en liña como método de aprendizaxe eficaz e valorado, e ofreceu notables vantaxes, tanto a nivel económico como en termos de flexibilidade.
Así, a posta en marcha dun marco galego de competencias dixitais xogará un papel crave no desenvolvemento das competencias dixitais da cidadanía e impulsará a posta en marcha de numerosas iniciativas cuxo obxectivo principal é facer da poboación galega unha poboación máis preparada para o novo contexto sen deixar a ninguén atrás.
O Marco Galego de Competencias Dixitais adáptase ao Marco europeo de competencia dixital para a cidadanía, de acordo co contexto e as necesidades específicas de Galicia. Un dos seus obxectivos é o de establecer os coñecementos, as competencias e aptitudes para o desenvolvemento dunha sociedade preparada no ámbito tecnolóxico dixital e á mellora profesional e competencial dos traballadores.
Para a capacitación dixital da cidadanía e a obtención do novo certificado, Galicia conta coa Rede de aulas CEMIT, integrada por 97 aulas, que oferta formación en liña e presencial en 91 concellos. Dita formación está adaptada ás necesidades da contorna, ás persoas usuarias e, sobre todo, ao mundo dixital.
O Marco Galego de Competencias Dixitais establece tamén os criterios específicos no ámbito educativo, cuxa certificación será desenvolta pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
No que se refire á Administración, a Xunta conta cun Plan de Capacitación Dixital de Emprego Público, incluído tamén no Marco Galego de Competencias Dixitais. Neste caso, o escenario para a capacitación e a obtención do certificado será a Escola Galega de Administración Pública (EGAP).
No campo da tecnoloxía, Galicia dá un paso máis e, a través de Gaiás Tech, instrumento para a información e formación sobre tecnoloxías disruptivas, facilitará o proceso de transformación dixital das organizacións e acollerá iniciativas que axuden nos procesos de dixitalización das empresas e melloren o coñecemento dos seus profesionais.
Por outra banda, é posible formarse no ámbito tecnolóxico a través de VOLDIX , onde persoas ás que lles gusta a tecnoloxía comparten de maneira altruísta o seu tempo, entusiasmo e coñecementos para que máis persoas se sumen ao mundo dixital e ninguén quede atrás, obxectivo que persegue a Estratexia Dixital de Galicia 2030.
Dixitalización da educación primaria e secundaria en Galicia
Un dos ámbitos educacionais polos que máis se apostou desde a administración pública para a mellora da formación dixital e tecnolóxica foi, principalmente, en colexios e institutos, onde as novas xeracións precisan de determinadas ferramentas e formación específica para o seu futuro laboral.
No ano 2010, o sector educativo galego comeza a súa andaina no camiño da dixitalización do ensino co Proxecto Abalar da Xunta, que permitiu, no curso 2021-2022, grazas tamén á aprobación do Plan de infraestruturas dixitais educativas Edu100 por máis de 130 millóns de euros, que ao redor de 55.000 alumnos estuden unicamente a través de libros dixitais (máis do 40% dos centros incluídos no programa Edixgal), a dixitalización de todas as aulas públicas desde 1º de Primaria a 2º de Bacharelato, ampliar a capacidade de rede ata 1Gbps en todos os centros educativos e a extensión de rede wifi de alta capacidade a todos os espazos docentes e que todos os centros conten con aulas virtuais e estean integrados na rede de videoconferencias docentes.
A transformación da aula, libro e mochila tradicionais en dixital supuxo un gran cambio e mellora no proceso de aprendizaxe nos centros educativos. Así, o proxecto Abalar foi progresivamente proporcionando aos centros educativos:
En 2015 créase a plataforma E-Dixgal, a través da cal se ofrecen contidos educativos dixitais en diferentes niveis de educación primaria e a ESO. Grazas a ela, o alumnado ten á súa disposición contidos de todas as materias do seu curso, así como un amplo conxunto de aplicacións educativas agrupadas por categorías (dicionarios para as materias de lingua, apps de experimentos e gráficas para matemáticas ou editor de moléculas para ciencias). Ademais, dispón dun soporte técnico para resolver calquera dúbida ou incidente. Poden acceder a estes recursos tanto na versión en liña, a través dun computador con conexión a internet, ou offline, a través do programa que vai instalado no equipo e as aplicacións para os sistemas operativos Android ou iOS, sen necesidade de dispor de conexión a Internet en casa.
Así, nos últimos meses realizouse un investimento de máis de 40 millóns de euros en equipamento para o profesorado e os ciclos formativos e para alumno Edixgal, o que fixo que se haxa duplicando o número actual de alumnos.
A todo o anterior súmanse os contidos do Repositorio Abalar, que ofrece xa máis de 3.500 recursos en 7 idiomas para o alumnado e profesorado.
Ademais, cabe sinalar tamén que, xunto con todas estas aplicacións, familias, alumnado, centros e profesorado teñen a súa disposición o Servizo de Soporte Premium 24x7, co que poden contactar para resolver calquera incidente ou problema mediante diferentes canles: teléfono, correo electrónico ou de forma presencial nos puntos físicos de atención.
Por último, unha das últimas iniciativas levadas a cabo foi a firma por parte do Goberno galego con Red.es, converténdose nunha das primeiras Comunidades Autónomas en facelo. Isto permitiu que se puxeron ao dispor dos alumnos máis de 14000 equipos e máis de 20.000 kits de conexión a internet para loitar contra a fenda dixital.
A dixitalización das universidades galegas
As oportunidades que se crean como consecuencia do uso das novas tecnoloxías aumentan cada vez máis, o que obriga ás universidades públicas galegas (USC, UVigo e UDC) a ter un elevado grao de dixitalización para formar a persoas preparadas para cubrir postos cada vez máis demandados e dos que se carece de perfís especializados.
Na actualidade, carreiras como Informática ou Enxeñería informática teñen en Galicia unha empregabilidade do 95%, xa no proceso de obtención da titulación.
Para dotar ás universidades galegas dos medios necesarios que demanda o mercado investíronse recentemente 10 millóns de euros en procesos de dixitalización para proxectos tan diversos como administración electrónica, internacionalización dixital, videoconferencia, accesos remotos e ciberseguridade.