SECTOR TIC

Un hipersector estratéxico para o desenvolvemento económico de Galicia

O denominado sector TIC está formado polas industrias manufactureiras ou de servizos nas que a súa actividade principal está vencellada co desenvolvemento, produción, comercialización e uso intensivo das tecnoloxías da información e as comunicacións, que se caracteriza polas súas altas taxas de innovación, progreso tecnolóxico e produtividade.

O aumento da súa importancia no desenvolvemento económico da comunidade e o seu efecto dinamizador doutros sectores provocou que Galicia permanecese na quinta posición entre as Comunidades Autónomas respecto ao número de empresas do sector TIC. O seu volume de negocio acadou os 2 872 millóns de euros en 2019, 70 millóns máis que no 2018.

Unha das causas principais do aumento da facturación vencellada ao Hipersector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) é o incremento das empresas TIC en Galicia: no ano 2019 había 2 897, o que supón un crecemento respecto ao ano anterior de 114 novas entidades, un 4,1 % máis. Maioritariamente, a actividade que ocupan estas empresas é a informática (o 71,8 %).

Este feito, en gran medida, estivo impulsado polo investimento da Xunta e do sector tecnolóxico para avanzar na dixitalización da comunidade, de forma que dende 2015, o orzamento destinado a este fin foi ao redor os 1 600 millóns de euros.

Ademais, o aumento da facturación tamén está relacionado coas novas formas de venda e contacto cos clientes: o comercio en liña. No último ano creceu a porcentaxe de empresas TIC que venderon os seus produtos ou servizos a través do comercio electrónico, ata chegar ao 31,7 %, un 7,1 % máis que o ano anterior. Ademais, o peso destas vendas sobre as totais incrementouse nun 10,4 % ata acadar un 58,2 % sobre as vendas totais.

Desta forma, o sector TIC tamén ten o seu impacto no emprego en Galicia: os datos de afiliacións á Seguridade Social amosan un incremento do emprego no sector TIC no ano 2019 dun 4,5 %, con 18 984 traballadores/as, e aumenta o seu peso no total do emprego.

Coa chegada da nova realidade pandémica e a imposición do uso de ferramentas TIC, a tecnoloxía álzase coma un aspecto fundamental para o crecemento das empresas e a súa implantación resulta case obrigatoria para manterse ao día e ser competitivas. Así, as medidas de contención deseñadas para frear a expansión do virus provocaron un impulso no uso da tecnoloxía nas empresas, de forma que se estima que as actividades da cadea de valor das TIC verán incrementada a súa demanda nos próximos anos, afianzando ao sector como un eixo fundamental no desenvolvemento económico de Galicia.