- Ir á páxina de inicio
- A transición dixital en Galicia
-
Galicia territorio conectado
Estratexia Galicia dixital 2030 A Sociedade da Información Sector TIC Administración electrónica Galicia territorio conectado Ciberseguridade Sanidade dixital Benestar social Educación e capacitación dixital A dixitalización medioambiental Turismo intelixente Mobilidade dixital e sostible Lonxas dixitais Cultura e riqueza patrimonial A dixitalización da xustiza
Galicia, un territorio conectado grazas á dixitalización
Na última década a dixitalización experimentou un salto exponencial que mudou para sempre a nosa forma de vivir, traballar e relacionarnos. En 2010 Galicia miraba ao futuro co reto de iniciar unha transformación dixital na que ninguén quedase atrás.
Para conseguilo unha das premisas era a mellora da conectividade, coas dificultades engadidas dun territorio que aglutina o 40 % dos núcleos de poboación de España, dos cales o 90 % ten menos de 100 habitantes. Os plans autonómicos e estatais e as diferentes iniciativas impulsadas desde a Administración galega fixeron posible que hoxe o 99 % dos galegos dispoña de acceso a internet e que no 2021 máis do 90 % poderá conectarse a redes de máis de 100 Mbps.
Vivimos conectados, unha realidade que hai dez anos non sería posible xa que en 2009 pouco máis do 71 % da poboación galega podía acceder a Internet. Para cambiar esta situación nunha comunidade que concentra o 40 % dos núcleos de poboación de menos de 100 habitantes do conxunto do Estado e cunhas condicións orográficas complicadas, era imprescindible contar cunha folla de ruta e cun importante investimento público para impulsar os despregamentos, especialmente nas zonas máis illadas e menos rendibles para os operadores.
Unha Administración comprometida
O primeiro paso foi estender as redes de telecomunicacións por toda a comunidade, un obxectivo que se plasmou no Plan de banda larga da Xunta de Galicia 2010-2013 (en colaboración co Estado), que facilitou a chegada de redes 4G a 11 000 núcleos galegos, ademais de impulsar os primeiros despregamentos de fibra subvencionados con fondos públicos na comunidade e abrir varias liñas de axudas para as conexións vía satélite nas zonas máis illadas, onde non era posible conectarse con outra tecnoloxía.
Os resultados dese Plan supuxeron unha importante mellora na porcentaxe de galegos con cobertura de Internet, pero non foi unha medida illada. En 2013 Galicia aprobou a Lei de impulso e ordenación das infraestruturas e telecomunicacións de Galicia, que de xeito complementario á lei estatal busca facilitar e axilizar os despregamentos cunha maior coordinación entre os organismos implicados.
Redes avanzadas
O aumento de servizos dixitais, cada vez máis avanzados, incrementa a necesidade de acceso a unhas redes de telecomunicación de calidade, estables e seguras para desenvolvernos nun mundo dixital.
Por iso, agora o reto é mellorar a velocidade e a calidade das conexións e cumprir os obxectivos europeos. Baixo estas premisas, a Xunta de Galicia puxo en marcha o Plan de banda larga 2015-2020, que, xunto coas iniciativas estatais, está a impulsar despregamentos de fibra con subvencións públicas en núcleos de 310 concellos galegos.
Estas medidas conseguirán que o 90 % da poboación galega teña cobertura de internet de 100 Mbps a través de redes fixas no 2021.
En total, en dez anos as Administracións públicas levarán investidos 185 millóns de euros na extensión de redes de telecomunicacións en Galicia.
Fibra nos barrios históricos
Ademais, Galicia quixo dar resposta a unha vella demanda na comunidade: a falta de conectividade nos barrios históricos.
En colaboración co Concello de Santiago, elaborouse unha guía con solucións técnicas para estender fibra en barrios históricos, avalada por Patrimonio e baseada no caso de Santiago de Compostela. Tras a apertura dunha consulta pública a operadores, que debían achegar propostas de despregamento baseadas nas solucións da guía, a zona histórica compostelá dispuxo de fibra óptica antes do remate de 2020.
Tomando como punto de partida este caso de éxito, agora, a Administración autonómica quere estender esta iniciativa aos 26 concellos galegos con barrios históricos.
Redes 5G
Galicia tamén aspira a ser das primeiras rexións europeas en dispoñer de servizos avanzados baseados en tecnoloxías 5G. Foi das primeiras comunidades en aprobar un Plan 5G, que ten todas as liñas de actuación en marcha e que foi clave para conseguir que se esten a desenvolver 31 pilotos 5G, por un importe de 22 millóns de euros, tanto impulsados polo propio plan como financiados con subvencións estatais.