A transición dixital en Galicia

Nos últimos anos, e especialmente coa chegada da pandemia provocada pola COVID-19, o proceso de dixitalización da Administración viuse acelerada coa fin de cubrir as necesidades da cidadanía mantendo os estándares de seguridade sanitaria.


A Administración de xustiza non podía ser menos e iniciou un proceso de modernización sen precedentes para adaptarse á nova realidade que pasa por renovar o sistema xudicial de Galicia a través das novas tecnoloxías e fomentar a utilización dos medios electrónicos para a realización dos procedementos xudiciais. 

CULTURA E PATRIMONIO

Vivimos nunha sociedade cada vez máis interesada na cultura e máis mentalizada sobre a importancia da conservación do patrimonio propio dun territorio para a súa valorización. Ante a rápida adaptación á evolución tecnolóxica, a súa dixitalización pois, resulta clave para poñer a disposición da cidadanía a riqueza patrimonial de Galicia e transformar a experiencia dos usuarios nunha vivenza única, dinámica e recomendable que faga chegar a cultura galega incluso fora das nosas fronteiras e que asegure a adaptación da tradición e identidade galega á realidade global.

TRANSFORMACIÓN DIXITAL

Europa apuntala no potencial da dixitalización boa parte da recuperación da economía tras o impacto da pandemia e avoga por solucións dixitais innovadoras que contribúan á creación de emprego, ao progreso da educación, ao incremento da competitividade e a innovación, e a mellora da calidade de vida da cidadanía. Baixo estas premisas e sobre a base da dixitalización acadada na década anterior, a Estratexia Galicia Dixital 2030 prevé mobilizar máis de 4 000 millóns de euros no desenvolvemento de iniciativas que aproveiten todo o potencial das tecnoloxías dixitais para dar resposta ás necesidades sociais, económicas e ambientais no marco dun desenvolvemento sustentable.

SOCIEDADE DIXITAL

O uso da tecnoloxía en Galicia experimentou un notable crecemento, especialmente na última década, na que acadou fitos importantes: extensión das redes de banda larga por todo o territorio, aumento dos fogares con Internet e crecemento dos empregos relacionados co sector TIC.

SECTOR TIC

O denominado sector TIC está formado polas industrias manufactureiras ou de servizos nas que a súa actividade principal está vencellada co desenvolvemento, produción, comercialización e uso intensivo das tecnoloxías da información e as comunicacións, que se caracteriza polas súas altas taxas de innovación, progreso tecnolóxico e produtividade.

INCORPORAR Á CIDADANÍA AO MUNDO DIXITAL

Nun contexto cada vez máis dixital, a Administración no pode ser allea á demanda dunha sociedade que esixe a mesma inmediatez e dispoñibilidade que atopa noutros ámbitos da súa vida grazas á tecnoloxía. Desde 2010 a Xunta vén sentando as bases dunha administración integramente dixital, o que implica reformular a súa organización interna e implantar novos modelos de traballo co apoio dun marco xurídico adecuado; desenvolver novos sistemas de información; adaptar os postos de traballo do persoal público ao novo contexto e poñer á súa disposición novas ferramentas e formación específica. Un proceso complexo que en Galicia conta ademais cun marco xurídico propio, a Lei da Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), que adapta á realidade do sector público autonómico as obrigas das leis estatais 39 e 40/2015 e que se asenta en tres principios: só unha vez; proactividade; e automatización dos procesos.